Thursday 19 de September de 2024

Admitidas as 181 solicitudes presentadas para participar o próximo curso no programa Concilia


O servizo municipal de conciliación da vida laboral e familiar funcionará nos colexios Fogar, Bergantiños e Gándara-Sofán, xa que no resto non houbo solicitudes

Todas as solicitudes presentadas para o curso 2024-25 no programa Concilia están admitidas. Son un total de 181 (41 máis que o curso pasado): 89 para o colexio Bergantiños, 78 para o Fogar e 14 para o Gándara-Sofán.

No resto dos colexios non se implantará o servizo, xa que só houbo unha petición para o Nétoma-Razo. Desde a Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade ofrécese a posibilidade de implantar o servizo en todos os centros públicos de infantil e primaria sempre que exista un mínimo de 10 solicitudes para o curso completo.

No mes de outubro abrirase un segundo prazo de matrícula, tanto para usuarios/as habituais coma para días soltos. Neste caso, a solicitude está aberta durante todo o curso.

PROGRAMA CONCILIA
O Programa Concilia é unha medida promovida desde a Concellería de Igualdade e Benestar do Concello de Carballo para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.
En que consiste
O programa desenvólvese durante o período escolar, e consiste en recoller ás nenas e aos nenos á primeira hora da mañá no seu centro escolar. O obxectivo é responder ás necesidades familiares derivadas do desfase existente entre os horarios escolares e laborais, cubrindo a necesidade de atención antes do inicio das clases pola mañá con persoas debidamente cualificadas, así como ofrecer o servizo dun almorzo equilibrado.

Servizos que comprende
Servizo de gardaría: o equipo de monitores/as atende ao alumnado, garantindo hábitos de hixiene, e ademais realizando actividades de ocio e tempo libre. O servizo de almorzo é opcional.

Horarios do servizo
O servizo préstase de luns a venres os días lectivos dende as 07:00 ata a hora de incorporación ás clases en cada centro. Tamén se ofrece servizo nos primeiros días de setembro, ata o comezo do curso, e en períodos vacacionais, agás no verán. Nestas datas o servizo ofrecese no locais habilitados pola empresa que ten a concesión, O Recuncho dos Nenos, na rúa Barcelona, número 18, entrechán dereito.
No documento anexo poden consultarse as bonificacións concedidas.